Vigo, 01 de Marzo de 2006 - Nº 1025

HOXE ANTERIORES SUSCRICIÓNS WEBMASTER

SECCIÓNS

Grupo de Investigación en Xenética de Poboacións

Evitar cruces entre salmóns da mesma familia asegura unha especie máis adaptada ao medio

Parte dun proxecto para a repoboación deste peixe nos ríos galegos


Duvi

Ao evitar o cruce entre individuos da mesma familia asegúrase que as poboacións de salmón sexan máis resistentes a enfermidades e con máis capacidade de adaptación ao hábitat. Con esta premisa están a traballar un grupo de investigadores das Universidade, con Paloma Morán á cabeza, co obxectivo de repoboar de salmóns os ríos atlánticos galegos. Conxuntamente coa Xunta de Galicia, neste grupo traballan tres investigadores que se ocupan de analizar a carga xenética dos salmóns para deseñar os cruces, evitando así que, ao cruzar individuos da mesma familia se perda diversidade. “As poboacións de salmón en Galicia son moi pequenas e hai que evitar que se crucen membros dunha mesma familia, xa que si non é así, isto pode favorecer o brote de enfermidade latentes e a falta de adaptación ao contorno”, apunta Paloma Morán, coordinadora deste grupo no que traballan outros tres investigadores. Metodoloxía As mostras que analizan estes investigadores, pertencentes ao grupo de Xenética de Poboacións, son extraídas dos salmóns dos ríos Ulla e Lérez, que para procrear son levados a unha piscifactoría, de xeito que a reprodución estea controlada. Unha vez que os cruces son seguros, os peixes son devoltos ao seu hábitat do mesmo xeito que as crías, que unha vez que son xuvenís, tamén son soltadas nos ríos. As mostraxes proceden do Centro de Investigacións Ambientais de Lourizán e unha vez nos laboratorios da Universidade, apunta Morán “nos empregamos os marcadores xenéticos con microsatélites para analizar aos adultos, dun xeito moi similar ao que se emprega para as probas de paternidade”. Unha vez analizadas as mostras, e xenotipados os salmóns, estes son comparados entre si, para evitar que os cruces sexan dunha mesma familia para acadar unha variabilidade similar á que se dá na natureza. Resultados Segundo Paloma Morán, “este plan da Xunta de Galicia funciona, as poboacións estanse recuperando despois de moitos anos nunha grave crise e, ademais estanse facendo máis resistentes e adaptables ao medio no que viven, mantendo a variabilidade xenética pero presentando, fronte a outras especies de salmón, unha homoxeneidade”. Un dos grandes cambios nestes programas de repoboación, que comezaron arredor dos anos 70, é que agora se está repoboando con exemplares de salmóns nativos e non traídos, como se facía hai anos, dende Suecia. Na actualidade o río Lérez ten unha poboación de salmón de 70 individuos, mentres que no Ulla son xa arredor de 400, co que se conforma un grupo de preto de 600 exemplares no sur de Galicia. Pero non foi só Galicia a que sufriu esta baixada no número destes animais. En todos os países atlánticos, dende Suecia ata o Miño e dende Maine a Quebec, o descenso de exemplares ten sido alarmante. María Saura, investigadora deste grupo apunta “á situación dos río como causa, as presas, a polución, as minicentrais e o desenvolvemento hidroeléctrico e tamén hai que ter en conta o cambio climático”. Por iso o Goberno galego puxo en marcha o plan de repoboación no que está inserido este traballo que, ao tempo, pertence a un plan de “Deseño óptimo de programas de conservación mediante o uso conxunto de estratexias clásicas e novas tecnoloxías: estudos teóricos e prácticos”. Entre estes casos prácticos existen dúas liñas de estudo, unha de animais domésticos que se desenvolve en Madrid e traballa coas galiñas, e a que investiga na Universidade sobre o salmón como animal na natureza

ATIC
Área das Tecnoloxías da Información e da Comunicación

ORI
Relacións Internacionais

I+D
Oficina de

OMA
Oficina de Medio Ambiente

Deportes

ANL
Área de Normalización Lingüística

Biblioteca

Cátedras de Empresa

Extensión cultural

Cidade Universitaria

Powered by