Vigo, 31 de Xaneiro de 2003 - Nº 441

HOXE ANTERIORES SUSCRICIÓNS WEBMASTER

SECCIÓNS

Patarroyo afirma que están sentadas as bases para crear unha vacina contra certos tipos de cancro

Resalta a importancia da persistencia para o científico


Duvi

Manuel Elkin Patarroyo expuxo na conferencia impartida na Facultade de Filoloxía e Traducción o proceso mediante o que chegou a crear a primeira vacina química contra a malaria e no que sigue traballando para desenvolver vacinas contra cancros como o de cérvix ou a leucemia, para as que, segundo afirmou, xa están sentadas as bases. Patarroyo xustificou a importancia da investigación en inmunoloxía tanto desde o punto de vista humano como económico, cualificando as vacinas como o xeito máis rendible de controla-las enfermidades ó evitar estas tanto o sufrimento como gastos médicos posteriores. Lembrou que millóns de persoas morren como consecuencia de males para os que pode haber vacina aínda que polo momento, só se conta con ela para un 3% das enfermidades infecciosas. Aínda que traballa tamén con outros organismos, como os causantes da tuberculose ou da hepatite, a contribución pola que é máis coñecido é a creación da primeira vacina sintética ou química da historia, destinada a previ-la malaria. Segundo o científico, esta enfermidade causa tres millóns de mortos ó ano e infecta a 300 millóns, polo que se pode considerar “un grave problema de saúde pública”. Patarroyo explicou detalladamente o proceso polo que chegou á creación da vacina, que aínda está perfeccionando. Trátase dun “proxecto de vida”, afirmou, que ten por obxectivo a busca dunha forma lóxica e racional de crear vacinas e que combina coñecementos interdisciplinares, xa que parte da bioloxía para pasar despois ó eido da química, da física e finalmente da matemática. O investigador lembrou os seus primeiros experimentos co mono Aotus, elixido para os seus estudios por ser o único que padece a malaria humana e co que traballou durante anos sen causar dano ecolóxico, ó dispoñer de illas onde liberar e mante-los exemplares tralo proceso experimental. Mediante estas investigacións conseguiu, en 1986, a síntese química de moléculas que deu lugar a unha vacina con claras vantaxes sobre as desenvoltas ata o momento, dado que, ó tratarse dunha fórmula, calquera podería creala. Aplicou o seu estudio sobre un universo de 100.000 persoas, nas que acadou un 34% de resultados positivos. A crenza de que “en ciencia hai que ser obcecado, persistente, imaxinativo e audaz” levouno a intentar mellorar estas cifras investigando sobre a interacción que se produce entre o microbio e a célula, é dicir, a interacción “receptora-ligando”, e o xeito en que o parasito consegue infectala. Estes estudios aplicáronse, en busca de resultados, a outras especies como coellos ou ratos, xa que para o investigador “a ciencia ten que cuestionarse todo”. Patarroyo considera, en relación coa creación de vacinas, que a “a aproximación química é unha das poucas formas de chegar ó problema” , xa que rematou atopando a clave da súa creación na modificación molecular, e desde este punto de vista estudiou tamén a interacción entre a vacina e o sistema inmunitario. Neste sentido, recoñeceu, foille de gran axuda descubrir que a especie de mono sobre a que desenvolve o seu traballo ten un sistema inmunitario similar ó humano, o que o fai útil para estudiar calquera outra enfermidade. “Podo morrer mañá, que este proxecto xa quedou satisfeito”, afirmou Patarroyo, consciente de que deixa sentadas as bases para o desenvolvemento dunha vacina máis efectiva contra a malaria e outras enfermidades. De feito, explico que na actualidade os estudios que leva a cabo céntranse na aplicación dos seus descubrimentos á busca dunha vacina contra o cancro de cérvix feminino e da leucemia. O investigador non quixo despedirse sen lembrar os nomes dos seus colaboradores. Manifestou tamén a súa gratitude coa Universidade pola boa acollida recibida e augurou “os mellores resultados para ela”.

ATIC
Área das Tecnoloxías da Información e da Comunicación

ORI
Relacións Internacionais

I+D
Oficina de

OMA
Oficina de Medio Ambiente

Deportes

ANL
Área de Normalización Lingüística

Biblioteca

Cátedras de Empresa

Extensión cultural

Cidade Universitaria

Powered by