Vigo, 21 de Xuño de 2005 - Nº 893

HOXE ANTERIORES SUSCRICIÓNS WEBMASTER

SECCIÓNS

O Politécnico ourensán crea un gran centro informático

O Tomcat coloca á Universidade á cabeza dos clusters Open Mosix




Sala do clúster

Duvi

Nunha iniciativa combinada entre a Facultade de Ciencias e a Escola Superior de Enxeñería Informática, creouse no Edificio Politécnico do campus ourensán un clúster que agrupa a 50 ordenadores. O seu nome é Tomcat Politécnico, acrónimo de “Trisquel Open Mosix at Politécnico”. A idea fundamental do clustering é moi simple: un grupo de servidores usados como recurso único e unificado. Ao reunir os equipos nun clúster, todos eles poden ser administrados tan facilmente coma un só. É a primeira vez que entre dous centros do campus de Ourense abordase unha iniciativa deste calado. Tanto no campo docente como investigador, a idea é compartir recursos e espazos e aproveitar sinerxias. Para elo, xuntáronse os 50 ordenadores nunha sala especial, que dispón dun equipo de aire acondicionado que mantén os equipos a 10 grados centígrados. As CPU`s están ao longo de toda a sala aínda que, tal e como explica o profesor Javier Rodeiro responsable de Infraestruturas da Escola de Enxeñería Informática, “estas poden colocarse unhas sobre as outras. E posible amorear ata 3 caixas, o que permitirá ir ampliando a capacidade do sistema sen problemas”. A potencia de cálculo estimada coas probas preliminares permitiría que este clúster aparecese na lista de top 500 en capacidade de computación. Agora mesmo, ten capacidade teórica de cálculo de dez Gflops (números de operacións en coma flotante que pode facer o clúster por segundo), e unha memoria total de 30 gigas. Este conxunto de ordenadores en rede é o de maior tamaño que se encontra neste intre rexistrado en España dentro da páxina web do proxecto Mosix (que é un proxecto de software libre para computación numérica distribuída). A maioría destes proxectos libres utilizan entre eles unha ferramenta de intercambio de información, que é a web do proxecto, e nela se rexistran as distintas experiencias a nivel mundial. Espérase que para fin de ano haxan ata 150 nodos nese laboratorio, aínda que a Escola de Informática ten preparados todos os seus equipos (ao redor de 350 máis) para que nun momento dado podan entrar no clúster, có que serían 500 nodos en total, unha cifra altísima. Estas outras CPU`s entrarían na rede durante todo o fin de semana. Serían os ordenadores utilizados nos 12 laboratorios con que conta a escola e que, dende o venres pola tarde ata o luns pola mañá non son usados. Coa súa conexión, a potencia do clúster aumentaría considerablemente. Ademais, Javier Rodeiro espera que a finais de ano teñan o orzamento necesario para acometer un novo proxecto: a actualización da rede actual do clúster, o que permitiría pasar dos 100 megabits actuais, ata 1.000. Este clúster está construído usando unha base Open Mosix-Beowulf combinada, que permite abordar as necesidades específicas tanto docentes como de investigadores. O obxectivo primario é o de facilitar materiais docentes específicos para as titulacións de Enxeñería Informática e Física. Asemade, facilitaríase ferramentas de cálculos numéricos aos distintos grupos de investigación radicados no Edificio Politécnico. Para a creación deste clúster o proxecto Trisquel (o cal permite dispor dun sistema operativo propio e utilizar un software libre que permite acceder de forma gratuíta aos diferentes programas utilizados pola escola) fixo unha modificación de distribución, e esta nova versión optimizada para clúster, é o software que está instalado en cada un dos nodos do sistema. Esta é unha iniciativa que, en palabras do decano de Ciencias, Juan Carlos Mejuto, “pretende mellorar a calidade de formación dos estudantes do campus ourensán das titulacións científicas e técnicas, como un claro elemento diferenciador dentro da oferta educativa do sistema universitario galego”.

ATIC
Área das Tecnoloxías da Información e da Comunicación

ORI
Relacións Internacionais

I+D
Oficina de

OMA
Oficina de Medio Ambiente

Deportes

ANL
Área de Normalización Lingüística

Biblioteca

Cátedras de Empresa

Extensión cultural

Cidade Universitaria

Powered by