Vigo, 01 de Novembro de 2002 - Nº 392

HOXE ANTERIORES SUSCRICIÓNS WEBMASTER

SECCIÓNS

Novo modelo para atallar as mareas vermellas

Florentino Fernández propón un sistema de predicción de parámetros


Florentino Fernández Riverola

Duvi

As mareas vermellas (red tides), son un tipo de fenómeno biolóxico mariño caracterizado pola proliferación masiva e esporádica (bloom) de especies fitoplanctónicas. A intensidade destes fenómenos pode ser tal, que unha elevada concentración dos cambie a coloración da agua do mar e o seu aspecto, de aí o seu nome. En ocasións estes episodios resultan tóxicos (HAB, Harmful Algae Blooms), e aínda que frecuentes son impredecibles e a súa duración breve e irregular. O traballo de Florentino Fernández Riverola para atalla-lo problema das mareas vermellas presenta un sistema neurolóxico e simbólico que predice parámetros en contornos complexos e dinámicos como pode se-la costa mariña de forma non supervisada, é dicir, sen necesidade de que sexa revisado durante o seu proceso. O modelo proposto emprega un sistema de razoamento baseado en instancias ou datos previamente recollidos que incorpora unha estructura adaptativa de nodos ou posibles conexións entre eses datos, unha rede de funcións e un conxunto de sistemas difusos (non totais como grande ou pequeño, senón maior que ou menor que), co gallo de proporcionar unha predicción do máis precisa posible. Cada unha destas técnicas utilízase nunha etapa diferente do ciclo do sistema para recuperar datos históricos, adaptalos ó problema actual e revisa-la solución proposta. O modelo adáptase á predicción de mareas vermellas, en aguas costeiras do noroeste da Península Ibérica. Os resultados obtidos a partir dos experimentos realizados co modelo compáranse con distintas técnicas de intelixencia artificial e varios modelos estatísticos, o que permite unha análise cuantitativa e cualitativa do grao de adaptación do sistema ó problema, as mareas vermellas. Segundo os resultados, conclúese que a aplicación do modelo híbrido (xa que recolle aspectos neurolóxicos como simbólicos) é de especial interese naquelas situacións nas que non se dispón de coñecemento abondo do problema, e a meirande información dispoñible vén dada por conxuntos de datos experimentais. Nestas ocasións o modelo de predicción desenvolvido produce resultados adecuados e ademáis proporciona unha xustificación esplicada: os propios datos aclaran do porqué da solución. Datos para investigación A investigación realizouse en colaboración co Centro de Control da Calidade do Medio Mariño (CCCMM) e la Xunta de Galicia, financiada parcialmente con fondos do proxecto PGIDT00MAR30104PR para o desenvolvemento de técnicas para a predicción automática da proliferación de mareas vermellas nas rías galegas. O proxecto require do desenvolvemento de aplicacións informáticas e o emprego de conxuntos de datos que precisan dun tratamento cuidadoso para un uso rigoroso. Os datos dos que parte o modelo recóllense na súa maioría dende o ano 1992 pola rede de monitorización que o CCCMM mantén pola costa galega cun total de 35 estacións de control. Destas, 8 foron as empregadas para a realización do modelo. Tamén se utilizaron datos climatolóxicos provintes de boias oceanográficas que o ente público Puertos del Estado posúe no peirao de Vigo (proxecto RAYO), e do Centro Meteorológico Territorial (CMT) en Galicia, dependente do Instituto Nacional de Meteorología. Ademáis da información proporcionada polos anteriores organismos, recolléronse imaxes da superficie do océano tomadas por satélites e procesadas para a xeración de distintos indicadores de interese para o problema. Repercusións económicas do modelo de predicción A producción de mexilón en España é de 75 toneladas anuais por batea. Do total da producción española, Galicia xera o 98% cun total de 3.242 bateas. A nivel mundial, España ocupa o segundo posto, despois de China, cunha producción total de 255.928 toneladas anuais, o que supón un movemento económico aproximado de 108 millóns de euros. Ademáis dos ingresos económicos, esta actividade productiva xera aproximadamente 6.000 postos de traballo directos e 15.000 indirectos. O desenvolvemento de especies fitoplanctónicas de forma masiva nas costas galegas afecta drasticamente a esta industria de crecente importancia. Os danos ocasionados por estes episodios causan secuelas a dous niveis: afectan á saúde dos consumidores e producen danos nos organismos cultivados. Neste último caso prodúcense grandes perdas económicas, tanto polo deterioro, pola morte dos cultivos, ou pola imposibilidade da súa comercialización.

ATIC
Área das Tecnoloxías da Información e da Comunicación

ORI
Relacións Internacionais

I+D
Oficina de

OMA
Oficina de Medio Ambiente

Deportes

ANL
Área de Normalización Lingüística

Biblioteca

Cátedras de Empresa

Extensión cultural

Cidade Universitaria

Powered by