Vigo, 16 de Xullo de 2004 - Nº 727

HOXE ANTERIORES SUSCRICIÓNS WEBMASTER

SECCIÓNS

OPINIÓN

Uso de Internet nos fogares galegos

Por Florentino Fernández Riberola*

Duvi

Dende non hai moito tempo fixéronse comúns nos medios de comunicación audiovisual e escrita termos coma tecnoloxías da información e das comunicacións (TIC), sociedade da información (SI), e outros acrónimos e frases propios dunha comunidade que evoluciona con rapidez. A importancia e cadencia coa que os cambios se producen na nosa sociedade, motiva o interese por realizar medicións e estudos sobre a penetración que o uso de Internet e as novas tecnoloxías están a ter nos nosos fogares, punto de comezo actual das nostálxicas feiras de noutrora. Nos numerosos informes realizados periodicamente por distintos organismos públicos e privados, tanto a nivel autonómico como estatal ou internacional, analízanse múltiples universos, perfís e mesmo se tratan de acuñar definicións de termos aínda non consensuados como o de navegación e internauta. Resultado destes traballos, son as innumerables táboas porcentuais que se atopan segmentadas por un número non menos amplo de variables: idade, sexo, estudos, número de fillos, preferencias persoais, etc., así como as conclusións que parecen xurdir de todas elas. Por termos unha idea, e segundo o Informe e-Barómetro 2003 publicado polo Centro de Competencias en Comercio Electrónico de Galicia (http://www.e-negociogalicia.com/) referente ós hábitos dos galegos no tocante a Internet e ás novas tecnoloxías, estímase que o 40% dos fogares galegos dispoñen dun ordenador persoal. Do total da mostra, o 19% posúen unha conexión a internet (un 2% máis que no 2002), e un 10% destes mercou a través da rede algún produto. Por orde de preferencia, o modo de conexión máis habitual a Internet é o módem analóxico (48,8%), seguido de lonxe pola liña ADSL (22,6%) e o cable (14,1%). Referente ó uso da rede para levar a cabo compras electrónicas, o 46,3% dos usuarios non merca porque cre que é unha canle insegura, porcentaxe que aumentou un 7% respecto do ano 2002. Todos estes datos, lonxe de converxer coa media europea, apuntan a que pese ós innumerables esforzos da administración e as empresas por concienciar ó cidadán e futuro cliente, non se están a ter en conta os motivos principais que garanten o éxito da iniciativa: (1) educación, (2) envellecemento da poboación e (3) evolución das tecnoloxías base, que curiosamente gardan relación cos outros “es” tecnolóxicos tan de actualidade nos medios de comunicación: e-commerce, e-business, e-payment, etc. Non paga a pena afondar en análises de implantación das novas tecnoloxías namentres non se tomen medidas para remediar os males que xorden dos tres aspectos citados con anterioridade. Como comentaba un grande amigo meu “un mal sistema educativo é a nai de moitos problemas”, e en Galicia o nivel educativo atópase inda moi lonxe da media europea. Existe na nosa comunidade un elevado índice de fracaso escolar na ensinanza primaria e media, e as cuestións relativas ó desenvolvemento cultural non son nada esperanzadoras. Indicadores como o número de bibliotecas, o uso das mesmas, a asistencia a exposicións e actividades culturais, niveis de lectura e unha longa lista de posibles medidas, amosan as carencias da nosa comunidade neste eido. Se consideramos que o perfil característico do usuario tipo de Internet (ou internauta) é o dunha persoa de 25 a 40 anos, con titulación superior e nivel salarial a partir dos 1.500 €/mes, resulta obvio pensar que a poboación de Galicia non é a mais axeitada, máxime tendo en conta os últimos estudos socio-demográficos levados a cabo na nosa comunidade. Por último, está o tema da inversión necesaria en tecnoloxía-base para levar a tódolos fogares a posibilidade de conexión á rede cun mínimo de garantías. Neste senso, non se pode obviar que unha parte importante da poboación da nosa comunidade se atopa espallada en aldeas e lugares onde a telefonía segue a ser precaria. Este feito supón a existencia dunha evolución de Internet a dúas velocidades: máis rápida nas grandes cidades galegas, onde a poboación se axusta mellor ó perfil do internauta, e máis lenta no medio rural no que inda non se dispón da infraestrutura necesaria. Inda que as cifras e conclusións que se poden obter dos numerosos informes e estudos son esperanzadoras, resulta obvio para a nosa comunidade que a evolución de Internet e os servizos que oferta ten que ser lenta por necesidade. Eu, que fago uso de maneira habitual de distintos recursos on-line (pido cita para o médico de cabeceira, presento a declaración da renda de forma telemática, opero coa banca electrónica e mesmo leo a prensa dixital) teño as miñas dúbidas sobre o sistema e a súa implantación de cara a unha utilización maioritaria polas nosa sociedade. *Florentino Fernández Riberola, profesor do Departamento de Informática na ESEI

ATIC
Área das Tecnoloxías da Información e da Comunicación

ORI
Relacións Internacionais

I+D
Oficina de

OMA
Oficina de Medio Ambiente

Deportes

ANL
Área de Normalización Lingüística

Biblioteca

Cátedras de Empresa

Extensión cultural

Cidade Universitaria

Powered by