Vigo, 04 de Decembro de 2004 - Nº 779

HOXE ANTERIORES SUSCRICIÓNS WEBMASTER

SECCIÓNS

Estudo sobre a memoria literaria do Holocausto

Unha tese demostra que é a sociedade quen decide que, cando, por que, para que, e sobre todo, como se traduce


Xoán Manuel Garrido

Duvi

Un estudo comparativo das traducións de Se questo é un uomo revelou que cada país ou Estado xestiona a súa historia á súa conveniencia e conforme aos seus fins políticos ou identitarios. Esta é unha das principais conclusións que se desprenden da tese de doutoramento de Xoán Manuel Garrido “é a sociedade quen decide que, cando, por que, para que, e sobre todo, como se traduce, axeitando as novas incorporacións ao seu sistema de crenzas e valores dominantes, é dicir, importa o ben cultural conforme á ideoloxía dominante da comunidade receptora”. A xestión da memoria do Holocausto estivo dominada polos fins políticos aos que servía; así, a visión que se produce do acontecemento non é a mesma en Italia, Francia ou Alemaña, Estados Unidos ou Israel. A investigación partiu da idea de estudar, a través da tradución, como se foi conformando a literatura do Holocausto e creando o xénero de testemuño sobre os campos de concentración e exterminio. Dunha banda, Xoán Manuel analiza o texto literario propiamente dito e, da outra, o paratexto, eses elementos que rodean, presentan e introducen o ben cultural en formato libro (deseño de cuberta, prefacios, prólogo, título...) en oito textos traducidos a seis linguas (francés, inglés, portugués, alemán, catalán e castelán). Como resultado do exame, Xoán Manuel descobre que os mediadores son diferentes, así o tradutor é responsable do texto literario, pero non da maneira en que se presenta á sociedade. O investigador nomeou coma paratradutores a estes representantes que actúan buscando á aceptabilidade do ben que queren incorporan á súa sociedade e para iso deben axeitarse aos valores, crenzas e ideoloxía dominante que a goberna. Son eles quen deciden os cambios de títulos, que partes se traducen e cales non, se cómpre presentalo en forma de ensaio, novela, informe... Outra das conclusións ás que chega o investigador é que os cambios radicais en tradución realízanse con máis “naturalidade” nos paratextos que nos textos; debido a que neles interveñen máis axentes e se perciben menos os danos sobre o orixinal. É tamén o espazo no que se ve a interpretación que a sociedade receptora realiza da obra que importa, conforme aos seus valores. Máis autónomo é o tradutor, pero aínda así vai a estar condicionado polas normas da sociedade, que de forma consciente ou inconsciente van a influír na versión final. Unha defensa plurilingüe A tese de doutoramento de Xoán Manuel Garrido tivo unha defensa plurilingüe, así o investigador interveu primeiro en galego, logo en francés e, por último, en castelán. “Traducir a literatura do Holocausto: tradución e paratradución de Se questo é un uomo de Primo Levi”, dirixida por José Yuste Frías foi xulgada por un tribunal internacional. O xurado estaba composto por Alexis Nuselovici Nouss, o presidente, da Université de Montréal que interveu en francés, vocais: Francesco Ardolino da Universitat de Barcelona fíxoo en italiano, Ramón Garrido Nombela da Universidad Pontificia de Comillas mediou en castelán, Burghard Baltrusch da Universidade de Vigo participou en galego e o secretario, Anxo Fernández Ocampo (Facultade de Filoloxía e Tradución), tamén en galego.

ATIC
Área das Tecnoloxías da Información e da Comunicación

ORI
Relacións Internacionais

I+D
Oficina de

OMA
Oficina de Medio Ambiente

Deportes

ANL
Área de Normalización Lingüística

Biblioteca

Cátedras de Empresa

Extensión cultural

Cidade Universitaria

Powered by